Información xurídica e legal de interese

Base impoñible do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais en supostos de adquisición de vivenda mediante poxa xudicial

O artigo 10 do texto refundido do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, establece, como regra xeral no seu apartado primeiro, que a base impoñible estará constituída polo valor real do ben transmitido ou do dereito que se constitúa ou ceda, sendo deducibles unicamente as cargas que diminúan o valor real dos bens, pero non as débedas aínda que estean garantidas con peñor ou hipoteca.

O regulamento que regula este imposto establece os mesmos termos pero engade unha norma específica, no seu artigo 39, para o suposto no que a transmisión do ben se produza en virtude de poxa pública, notarial, xudicial ou administrativa. Para estes supostos a base impoñible será o valor de adquisición

Baseándose nestes preceptos, a Dirección Xeral de Tributos dita a consulta vinculante V1079-17, de 9 de maio de 2017, procedendo a aclarar as posibles dúbidas sobre a tributación nestes supostos de poxa, tendo en conta que o inmoble pode ter un valor de taxación distinto ao de mercado, un tipo de licitación e pode que cargas anteriores nas que o adquirente se teña que subrogar.

Nestes supostos e mediante a mencionada consulta vinculante, establécese que a base impoñible do tributo controvertido por un ben poxado será o valor de adquisición constituído polo prezo de remate, sen ter en consideración o valor das cargas nas que o consultante se subrogue.

O Supremo non resolverá máis sobre as cláusulas chan

O Tribunal Supremo vai suspender tódolos procedementos pendentes relativos á cláusula chan, á espera de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se pronuncie respecto da cuestión prexudicial que formulou en abril de 2015 o xulgado do mercantil nº1 de Granada, nun procedemento iniciado por Ausbanc contra BBK Bank Cajasur.

A vista oral tivo lugar o pasado 26 de abril, pero haberá que agardar aínda varios meses para o veredicto resultante.

A cuestión prexudicial refírese aos efectos da nulidade das cláusulas chan.

Ata o momento, a doutrina emanada do Tribunal Supremo limita a devolución do diñeiro cobrado aos clientes en aplicación da cláusula chan ao período comprendido entre o 9 de maio de 2013 e a actualidade.

Porén, dende Ausbanc entenden, como diversos xulgados de primeira instancia españois, que a retroactividade debe ser total, é dicir, que a devolución do diñeiro cobrado pola cláusula chan debe facerse dende o intre no que se asinou a hipoteca.

Sobre isto decidirá o Tribunal Europeo, tratándose por tanto dunha data histórica para os afectados pola cláusula chan. Debido á importancia desta decisión, o Tribunal Supremo está a suspender a deliberación e veredicto dos recursos de casación en procedementos contra a cláusula chan.

Escusas dos cargos dos membros na mesa electoral

Mediante o RD 184/2016, de 3 de maio, disolvéronse o Congreso dos Deputados e o Senado, e convocáronse eleccións xerais para o próximo 26 de xuño.

As mesas electorais están compostas por un presidente e dous vogais. Estes cargos son obrigatorios. Desígnanse dous suplentes para cada uno deles.

As persoas designadas teñen o prazo de 7 días dende que reciben a comunicación para alegar ante a Xunta electoral de zona causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. A Xunta resolve sobre a estimación da causa sen que sexa posible recorrer en vía administrativa, pero si ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Estas causas, similares para titulares e suplentes, recóllense na Instrución 6/2011, aínda que a enumeración non é exhaustiva, senón a modo de exemplo, e refírense a:

CAUSAS PERSOAIS QUE EN TODO CASO xustifican, por si soas, que eximan o membro designado dunha mesa electoral do desempeño do cargo:

  • Ser maior de 65 anos e menor de 70.
  • A situación de discapacidade declarada.
  • A condición de pensionista de incapacidade permanente absoluta e grande invalidez.
  • A situación de incapacidade temporal para o traballo. A xestación a partir dos seis meses de embarazo e o período correspondente de descanso maternal.
  • O internamento en centros penais ou en hospitais psiquiátricos
  • Xa ter formado parte dunha mesa electoral con anterioridade, ao menos en tres ocasións nos últimos dez anos, sempre que a mesa electoral estea formada por persoas incluídas na lista electoral desa mesa.

CAUSAS PERSOAIS QUE PODEN XUSTIFICAR A ESCUSA. Correspóndelle valorar á Xunta Electoral de zona as devanditas causas:

  • A lesión, doenza ou enfermidade física ou psíquica que impida exercitar as funcións de membro dunha mesa electoral.
  • A condición de pensionista de incapacidade permanente total para unha determinada profesión, sempre que os factores determinantes da incapacidade concorran tamén por analoxía no desenvolvemento das funcións de membro da mesa electoral.
  • A situación de risco no embarazo durante os primeiros seis meses deste, sempre que os factores de risco determinantes da situación concorran tamén por analoxía no desenvolvemento das funcións de membro da mesa electoral.
  • A previsión de intervención cirúrxica ou de probas clínicas relevantes no día da votación, nos días inmediatamente anteriores, ou no día seguinte a aquela, sempre que resulten inaprazables.
  • A pertenza a confesións ou comunidades relixiosas nas que o ideario ou o réxime de clausura resulten contrarios ou incompatibles coa participación nunha mesa electoral.
  • O cambio da residencia habitual a un lugar situado noutra comunidade autónoma e se xustifique a dificultade de poder formar parte dunha mesa electoral.

RESPONSABILIDADES OU RAZÓNS FAMILIARES QUE EN TODO CASO xustifican, por si soas, que eximan o membro designado dunha mesa electoral do desempeño do cargo:

  • A condición de nai, durante o período de lactación natural ou artificial, ata que o bebé cumpra nove meses.
  • O coidado directo e continuo, por razóns de garda legal, de menores de oito anos ou de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial.
  • O coidado directo e continuo de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, accidente ou doenza, non poida valerse por si mesmo.

CAUSAS FAMILIARES QUE SE PODEN XUSTIFICAR:

  • A concorrencia o día da elección de eventos familiares de especial relevancia, que resulten inaprazables ou nos que o aprazamento provoque prexuízos económicos importantes, sempre que o interesado sexa o protagonista ou garde con este unha relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade.
  • A condición de nai ou pai de menores de catorce anos, cando se acredite que o outro proxenitor non pode ocuparse do menor durante a xornada electoral, carecendo ademais o interesado de ascendentes ou doutros fillos maiores que poidan facelo.

RAZÓNS PROFESIONAIS:

  • Quen durante o día da votación deba prestar os seus servizos nas Xuntas Electorais, xulgados e administracións públicas que teñan encomendadas funcións electorais.
  • Quen deba prestar durante a xornada electoral servizos esenciais da comunidade de importancia vital, como os de carácter médico, sanitario, de protección civil, bombeiros, etcétera.
  • Os directores de medios de comunicación de información xeral e os xefes dos servizos informativos que deban cubrir a xornada electoral.
  • Os profesionais que deban participar en acontecementos públicos que se celebren o día da votación, que estean previstos con anterioridade á convocatoria electoral, cando non poidan substituír o interesado e a non participación deste obrigue a suspender o acontecemento, producindo prexuízos económicos relevantes.

Non cumprir coa obriga do cargo é un delito que pode supoñer pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses. Pola contra, tense dereito a unha dieta, a cinco horas de redución da súa xornada o día inmediatamente posterior ás eleccións (ou permiso retribuído durante o día da votación se este é laboral), así como a estar protexidos pola Seguridade Social fronte ás continxencias que deriven da súa participación.

Inviolabilidade do domicilio

A Sala Penal do Tribunal Supremo mediante sentenza nº 329/2016 de data 20 de abril de 2016 trata por primeira vez a incidencia no dereito á inviolabilidade do domicilio, recollido como dereito fundamental na nosa Constitución (artigo 18.2).

Por medio da presente sentenza, establécese que a observación dunha vivenda con prismáticos por parte da policía, sen autorización xudicial, vulnera o dereito á inviolabilidade do domicilio considerándose por tanto ilícita a actuación. Neste caso, foi a principal proba achegada contra os acusados de tráfico de drogas.

Neste sentido, o Supremo entende que a actividade observada mediante prismáticos pola Policía no interior dun domicilio ou aproveitar unhas persianas non baixadas ou unhas cortinas non corridas polo morador, para observar o interior do inmoble, encerra o risco de debilitar de xeito irreparable o contido material do dereito á inviolabilidade domiciliaria.

Vulnérase por isto a prohibición establecida pola Constitución no seu artigo 18.2 cando, sen autorización xudicial, se recorre a un utensilio óptico (prismáticos, drons …) que permite ampliar as imaxes e salvar a distancia entre o observante e o observado.

A protección fronte á incursión nun domicilio debe abranguer, agora máis que nunca, tanto a entrada física do intruso como a intromisión virtual.

A Audiencia Nacional na súa sentenza de 31/10/2019 recoñece como tempo de traballo efectivo o levado a cabo por un empregado dende o seu domicilio ao domicilio dun cliente, e viceversa.

Neste caso trátase dun colectivo de “técnicos de campo”, cuxa xornada laboral comeza ás 8 horas na localización do cliente, organizada con antelación pola empresa, e coa obriga de que, media hora ou 15 minutos antes das 8 horas, comezo da súa xornada, activen o móbil e o portátil facilitado pola empresa; así mesmo, a empresa proporciónalles un vehículo de empresa con GPS incorporado. Pola contra, o desprazamento de volta lévase a cabo dentro da xornada, e ademais, a empresa cóbralles aos seus clientes o desprazamento.

Por outro lado, a empresa computa como hora extra o tempo de máis que realizan os empregados nos centros dos clientes, por lo que tacitamente recoñece como tempo de traballo efectivo, o tempo investido para volver ao seu domicilio o traballador. Así mesmo, os empregados acoden moi esporadicamente a delegacións territoriais da empresa, polo que queda probado que a actividade da empresa se realiza “exclusivamente nos domicilios dos clientes”, sendo imposible poder realizar o traballo sen os desprazamentos obxecto de discusión.

Tempo atrás, os traballadores comezaban a súa xornada nunha delegación da empresa, e os desprazamentos corrían automaticamente a cargo da empresa.

Neste sentido, a Audiencia ten en conta o pronunciamento do TXUE sobre a Directiva Europea 2003/88/CE, que entende como tempo de traballo o que destinan os traballadores sen “centro de traballo fixo ou habitual” en desprazarse dende o seu domicilio e os “centros do primeiro e último cliente” determinado pola empresa.

A Audiencia entende que, dada a característica da actividade laboral, os desprazamentos dos empregados son “dende o primeiro ao último, consubstanciais coa actividade do traballador que carece de centro de traballo fixo ou habitual e o centro de traballo destes traballadores non pode reducirse” ao domicilio dos clientes e, segundo o TXUE, se estes deixasen de ter a connotación de tempo efectivo de traballo, non serían necesarios para levar a cabo o traballo.

Ademais, en liña co TXUE, durante os desprazamentos, os empregados están baixo as ordes e instrucións da empresa, polo tanto, á disposición da empresa.

A circulación de megacamións por estradas españolas

O 23 de decembro de 2015 modifícase o anexo IX do Regulamento Xeral de Vehículos, sobre masas e dimensións», polo Decreto 2822/1998, de 23 de decembro, permitindo a circulación de vehículos con máis de 6 liñas de eixos.

Con esta medida preténdese que poidan circular polas estradas españolas os camións de ata 60 toneladas e 25,25 metros de lonxitude.

Para poder circular, os camións estarán sometidos a algunhas restricións e a súa circulación requirirá dunha autorización especial previa expedida pola Dirección Xeral de Tráfico ou polos Departamentos de Tráfico de Cataluña e País Vasco.

Así mesmo, estes vehículos deberán incorporar de maneira obrigatoria, sinais luminosos en todo o seu perímetro e unha placa na parte posterior que indique que é un vehículo longo e inclúa a nomenclatura XL. Ademais, a súa circulación está restrinxida a autovías e autoestradas a unha velocidade máxima de 90 km/h. No caso de precisar transitar por vías convencionais debido ao inicio ou destino da carga, só o poderán facer un máximo de 50 quilómetros.

O obxectivo que se pretende coa introdución dos megacamións en España, segundo o Goberno, é colaborar na mellora loxística do transporte terrestre xa que os custos se reducen entre un 15% e un 50%, se producirán beneficios así mesmo na circulación dos conxuntos de vehículos en configuración euro modular, en canto á redución do tráfico dos vehículos pesados, o aforro enerxético e a diminución de emisións.

Noutros países europeos nos que se implantou esta medida, segundo o BOE, non houbo implicación negativa nos accidentes de tráfico. De feito, ao diminuír o número de vehículos en circulación necesarios para transportar o cargamento, redúcese o risco e, en consecuencia, mellora o nivel de seguridade viaria.

A reforma do recurso de casación contencioso administrativo

O 22 de xullo entrou en vigor a reforma do recurso de casación contencioso administrativo introducida pola Disposición Final Terceira da LO 7/2015, de 21 de xullo, pola que se modifica a Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial.

As principais novidades que incorpora esta reforma son as seguintes:

  • Amplíase o ámbito obxectivo de sentenzas recorribles en casación.
  • Desaparecen os motivos taxados de casación; o novo recurso poderá interpoñerse contra calquera infracción do ordenamento xurídico estatal ou europeo, tanto procesual como substantiva, ou da xurisprudencia, manténdose a necesidade de que se invoquen cuestións de dereito e non de feito, e que se trate de infraccións de Dereito estatal ou comunitario, que se invocasen e fosen relevantes e determinantes do veredicto recorrido.
  • Exixencia dun interese casacional, obxectivo para a formación de xurisprudencia.
  • Na norma enuméranse unha serie de supostos indicativos da existencia deste interese casacional, pero non actúan automaticamente senón que cómpre que o recorrente os xustifique no seu escrito.
  • O escrito de preparación do recurso cobra unha importancia decisiva, amplíase a trinta días o prazo para a súa presentación, esíxese un maior formalismo e débense xustificar os supostos que permitan apreciar o interese casacional obxectivo.
  • Establécese a extensión máxima do escrito de interposición do recurso.
  • (50.000 caracteres con espazo) así como o seu formato (fonte “Times New Roman”) e estrutura, aprobado por normas da Sala de Goberno do Tribunal Supremo.
  • A sentenza fixará doutrina xurisprudencial.
  • Suprímense os recursos de casación en interese de lei e para unificación de doutrina.

Limitación das xornadas especiais en traballos nocturnos

O Goberno, no exercicio da súa competencia exclusiva en materia de lexislación laboral, traspón definitivamente ao noso ordenamento xurídico o establecido pola normativa europea en relación coa regulación do tempo de traballo, a través do Real Decreto 311/2006, de 29 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 1561/1995, de 21 de setembro, sobre xornadas especiais de traballo, en materia de traballo nocturno.

Engádese un novo artigo relativo exclusivamente a traballadores nocturnos con actividades con riscos especiais ou tensións importantes, establecéndose un tempo máximo de xornada para estes casos.

As persoas designadas teñen o prazo de 7 días dende que reciben a comunicación para alegar ante a Xunta electoral de zona causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. A Xunta resolve sobre a estimación da causa sen que sexa posible recorrer en vía administrativa, pero si ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Neste sentido, o Real Decreto recolle que “a xornada máxima dos traballadores nocturnos cuxo traballo implique riscos especiais ou tensións físicas ou mentais importantes será de oito horas dun período de vinte e catro horas durante o cal realice un traballo nocturno”

Entenderanse como traballos especiais ou con tensións especiais aqueles que veñan así determinados por convenio colectivo ou por acordo entre empresa e representantes dos traballadores.

Poderase superar o límite das oito horas unicamente cando sexa necesario para evitar ou reparar accidentes ou danos extraordinarios e urxentes, ou ben naqueles supostos nos que exista algunha irregularidade sen responsabilidade da empresa no traballo a quendas.

Pagamento dos gastos extraordinarios dentro da pensión de alimentos

A Sentenza 120/2016 de 2 de marzo da Sala Primeira do Tribunal Supremo establece un interesante pronunciamento sobre o alcance da pensión por alimentos. Neste caso valórase a demanda que a nai interpón en reclamación de alimentos da súa filla menor fronte aos avós paternos e maternos da nena.

O pai da menor resulta insolvente, non podendo facer fronte ás necesidades da súa filla ao padecer unha doenza que lle impide incorporarse ao mercado laboral. Así mesmo, a nai atópase impedida para traballar, por unha minusvalía recoñecida do 65%.

A cuestión analizada nesta sentenza é novidosa, por canto é o primeiro caso en España polo que se declara o dereito dunha menor por insolvencia dun dos proxenitores a percibir alimentos dos seus catro avós.

A sentenza en primeira instancia desestima a petición de pagamento dos gastos extraordinarios da menor (gastos relativos a clases de música e de apoio), tendo en conta que tal concepto está previsto para os supostos de reclamación de alimentos paterno-filiais por determinación do artigo 93 do CC, quedando fóra do concepto de alimentos do artigo 142 do Código Civil, o cal establece que se entende por alimentos todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido e asistencia médica. Os alimentos comprenden tamén a educación e instrución do alimentista.

Contra a devandita resolución apélase solicitando a parte demandante, entre outras cuestións, que se incrementen os alimentos aos gastos extraordinarios. O recurso de apelación desestima a cuestión dos gastos extraordinarios e a nai recorre en casación.

O Tribunal Supremo determina finalmente que o pagamento dos gastos extraordinarios que se lles reclaman aos avós, concretamente as clases de música e de reforzo da menor, pese a ser comprensible o desexo da nai, non son estritamente derivados da educación, a que asiste a un colexio público e, como tal, gratuíto. Os gastos extraordinarios que se reclaman non teñen cabida legal na relación de avós-netos, sen prexuízo de que en ocasións procedan se teñen relación cos conceptos de sustento, habitación, vestido e asistencia médica.

Protección das persoas físicas nos créditos inmobiliarios

O pasado 16 de xuño de 2019 entrou en vigor a Lei 5/2019, de 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario. Esta lei regula a celebración de contratos de crédito inmobiliario garantindo a protección das persoas físicas neste tipo de operacións, fundamentalmente a través das exixencias en canto ao dereito á información e ao carácter irrenunciable dos dereitos que contempla.

A protección esténdese ás persoas físicas en sentido amplo e non só aos consumidores, incluíndo así os autónomos e empresarios individuais.

Respecto aos intermediarios de crédito e prestamistas inmobiliarios, así como dos seus empregados, exíxelles un réxime profesional en canto aos coñecementos e competencias axeitados para informar e prestar asesoramento ao potencial prestameiro, así como o establecemento de límites á política retributiva do persoal.

As ventas vinculadas (doutros produtos asociados ao préstamo) están prohibidas, a excepción de certos produtos financeiros e dos seguros para garantir o cumprimento da obriga e do seguro de danos, sempre que cumpran unha serie de requisitos. Por exemplo, no caso dos seguros, o prestamista debe aceptar pólizas ofertadas por outros provedores, sen que isto implique o empeoramento das condicións do préstamo.

A lei refírese aos préstamos hipotecarios e créditos para adquisición de bens inmobles de uso residencial, non só á vivenda de carácter “habitual”, subscritos con posterioridade á entrada en vigor o 19/6/2019, e a aquelas novacións e subrogacións de data posterior pero relativas a contratos celebrados con anterioridade, así como aos vencementos anticipados de préstamos anteriores.

Na fase precontractual do préstamo, a obriga de información xeral básica por escrito e de maneira clara, concisa e facilmente lexible ou audible complétase coa elaboración da Ficha europea de información normalizada (FEIN) e a Ficha de advertencias estandarizadas (FAE) sobre os riscos da operación. Estas deben entregárselle ao cliente no prazo dos dez días anteriores á celebración do contrato.

Tamén nesta fase debe ter lugar un estudo de solvencia do prestameiro, sendo posible unicamente a concesión do préstamo se do estudo resulta a probabilidade de cumprimento das obrigas segundo o previsto no contrato.

O notario escollido polo cliente ten o deber de asesoramento ao prestameiro e/ou fiador, supervisa que se lle entregou a documentación obrigatoria e verifica que comprendeu o alcance da operación.

A cláusula chan está prohibida en préstamos a xuro variable. Tampouco se permite o xuro negativo.